Ir o contido principal

A violencia de xénero, tema do curso que da comezo este xoves en Monforte

‘Violencia de xénero: aproximación aos aspectos psicosociais, legais e forenses dende unha perspectiva integral’ é o título do último curso de verán que celebra a USC este mes na provincia de Lugo. Dirixido por Ramón Arce Fernández e Francisca Fariña Rivera, da continuidade ao celebrado o ano pasado en Catoira sobre os aspectos psicolóxicos dos delictos que afectan á privacidade das persoas, como a violencia de xénero e as violacións.
Os directores deste curso, que dará comezo este xoves 31 na Casa da Cultura de Monforte, traballan dende a USC en colaboración cos organismos públicos para a detección dos casos de violencia de xénero nas denuncias formuladas. Así mesmo, son os responsables da creación do programa de rehabilitación de maltratadores, que se imparte na Estrada e que é pioneiro en España.
O curso, no que participan cen persoas, o límite establecido pola organización, está dirixido a xuíces, fiscais e traballadores técnicos relacionados coa violencia de xénero. Como recolle o título do curso, abordarán aspectos psicosociais, legais e forenses incidindo en temas que están a causar preocupación entre os especialistas, como os desamparos legais, traballando en casos específicos.
A inauguración do curso terá lugar ás 10:00 horas e nela participarán, ademais dos directores do curso, o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; a directora xeral de Xustiza, Begoña Santos; o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a concelleira de Cutura, Alicia Cadarso. Técnicos de todos os ámbitos participan como relatores neste curso, que ten unha duración de 30 horas e que se prolongará ata o 2 de agosto. Na primeira xornada o profesor da Universidade de Valencia Enrique Gracia falará das actitudes sociais ante a violencia de xénero, mentres que o profesor de Psicoloxía Xurídica de Murcia Sebastián de La Peña farano dos legais.
Pola tarde intervirá Pilar Matud, profesora titular do Departamento de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universidade da Laguna, para explicar a intervención psicolóxica coas vítimas do maltrato. Rematará a sesión cunha mesa redonda na que participarán técnicos públicos e universitarios relacionados coa violencia de xénero. O resto do programa se comporá de conferencias que rematarán en cada unha das xornadas cunha mesa redonda. Os relatores proceden das Universidades de Oviedo, Granada, Murcia e Valencia e entre eles destaca a presenza de Eduardo Osuna, que falará dos aspectos clínicos e médico-legais da violencia de xénero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2008.