A violinista Mª Carmen Jiménez e Anna Mirakyan, ao piano, ofrecen este martes un concerto na Casa do Saber

A violinista granadina María del Carmen Jiménez e a pianista armenia Anna Mirakyan ofrecerán o martes 16 de abril un novo concerto de música de cámara na Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo, no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que están representados a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello e a Deputación Provincial de Lugo.
O concerto conxunto de Mª Carmen Jiménez e Anna Mirakyan, o segundo dos programados nesta edición do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, comezará a partir das 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar o aforo. Jiménez e Mirakyan interpretarán durante a súa actuación na capital luguesa catro composicións cuxa autoría corresponde a Eugène Ysäge, Ludwing van Beethoven, Claude Débussy e Maurice Ravel. A música das sonatas número 2 en la menor, de Ysäge, e a sonata número 3, de Beethoven, soará durante a primeira parte do concerto, que continuará coa interpretación da sonata para violín en sol menor, de Débussy, e terá como colofón a rapsodia de concerto para violín e piano Tzigane, de Ravel. Mª Carmen Jiménez e Anna Mirakyan son dúas artistas mozas, pero que xa contan cun amplo currículo musical. De feito, Jiménez, enrolada desde o 2010 na Escola Superior de Música Raíña Sofía, recibiu o pasado ano a mención que a distingue como a alumna máis sobresaínte da Cátedra de Violín de Ana Chumachenco. Esta granadina, que conta con 21 anos e na actualidade goza dunha bolsa da Fundación Albéniz e AIE- Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes, está a cursar o grao superior no Real Conservatorio Superior de Música Victoria Eugenia de Granada. A pianista Anna Mirakyan, nada en 1981 en Armenia, conta xa cunha traxectoria máis ampla e na actualidade é profesora pianista acompañante da Cátedra de Violín da Escola Superior de Música Reina Sofía xunto coa titular, Ana Chumachenko. Asemade Mirakyan que tamén imparte clases de piano no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska, ten merecido xa diversos premios en recitais e concursos internacionais tanto de piano como de violín.