Violonchelo, piano e acordeón soarán este sábado no ciclo de Novos Talentos
O ciclo Novos Talentos Musicais continúa a súa andaina este sábado 18 coa actuación, ás 12.00 horas no Paraninfo da Universidade, dos músicos Pablo Teijeiro Galdo (violonchelo), Noreia Hermida Pérez (piano) e Nerea Rodríguez Núñez (acordeón).
Comezará o recital Pablo Teijeiro, a quen acompañará ao piano Brais González, coa Elexía de G. Fauré e a Sonata Nº1 en re menor op. 40 de Shostakovich . Este violonchelista ferrolán comezou a recibir premios con 9 anos e continúa esta traxectoria ata hoxe. Durante tres anos pertenceu á orquestra infantil da Sinfónica de Galicia e na actualidade cursa 4º curso de grao profesional no Conservatorio Xan Viaño.
Pola súa banda, Brais González (Vigo, 1987) estudou na súa cidade natal e continuou a súa formación na Universidade Mozarteum de Salzburgo e os Conservatorios de Vigo e Oviedo. Ten no seu haber numerosos premios nacionais e internacionais e actuou en escenarios de todo o mundo. Compuxo varias obras que foron estreadas pola Orquestra do Conservatorio Mayeusis e tamén escribiu para a Escola Profesional de Música de Viana. É fundador do Trío Caspervek, dedicado a compoñer bandas sonoras para películas de cine mudo.
Piano
Noreia Hermida (San Sadurniño, A Coruña, 2003) será quen continúe ao piano o recital, co Impromptu Op. 142, N º 3 de F. Shubert, Les collines d'Anacapri de C. Debussy e Scherzo Op. 20, N º 1 de F. Chopin. A pesar da súa curta idade, Noreia ten unha carreira musical repleta de recoñecementos non só co piano como instrumento, senón tamén coa frauta traveseira. Cursa 2º de Grado Profesional nas dúas especialidades, despois de rematar o primeiro curso con matrícula de honra en ambos instrumentos.
Acordeón
Nerea Rodríguez (Pontevedra, 1993) será quen poña o broche final ao concerto coa interpretación do Tiento en V tono de F. Correa de Arauxo , Flashing de A. Nordheim, Sonatas K.213 e K. 27 de Scarlatti e De Profundis de S. Gubaidulina . Cun extenso currículo musical formativo e profesional que transcende as nosas fronteiras, Nerea Rodríguez forma parte do Dúo Fírveda xunto coa violinista Marina Hermida e é unha das organizadoras do Festival de Música Son-PAF!. Cursou o mestrado en Interpretación Solista no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska (Madrid) co profesor Ángel Luis Castaño.