Ir o contido principal

'Entre o visíbel e o invisíbel', exposición fotográfica científica inaugurada na Facultade Ciencias de Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acolle ata o 13 de xuño a exposición de fotografía científica sobre a vida no planeta ‘Entre o visibel e o invisibel’, organizada pola Vicerreitoría de Cultura e a Facultade de Bioloxía.
O vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez; o decano da Facultade de Ciencias de Lugo, Francisco Fraga; o decano da Facultade de Bioloxía de Santiago, Jaime Gómez Márquez; e a comisaria da exposición e profesora do Departamento de Fisioloxía Vexetal, Mª Luz González Caamaño, inauguraron o a mostra o mércores 16 en Lugo.
A exposición percorre en 23 paneis todos os campos da bioloxía, incluíndo imaxes moleculares, de virus, bacterias, pasando por líquenes e musgos ata aves ou ecosistemas. Inaccesibles para a maioría da sociedade e para gran parte do alumnado que estuda na Universidade, as fotografías da exposición representan imaxes do mundo que nos rodea ás veces con detalles que se escapan ao ollo humano ata fotografías realizadas baixo microscopio que revelan formas vivas, organismos ou estruturas que son tan inaccesibles á observación directa como poden ser as estrelas. Por último, reflíctese un mundo aínda máis complexo e amplo como é o celular, subcelular ou o molecular.
A idea xurdiu tras un ciclo de conferencias organizado no centro compostelán nas que é frecuente ver proxeccións de imaxes insólitas e de gran beleza. A profesora do Departamento de Fisioloxía Vexetal, Mª Luz González Caamaño, decidiu entonces recompilar durante un ano as imaxes que os docentes e investigadores da Facultade de Bioloxía empregaban nas clases e que conseguiran nos seus traballos de investigación. Os métodos para obter as imaxes son variados e van desde as cámaras dixitais, os microscopios, ou as lupas ata os obxectivos macro ou microscopía de barrido e tomáronse coa axuda de técnicas de coloración de contraste, de imaxes fluorescentes, de hibridación in situ, de secuenciación de ADN, de relevos celulares obtidos por criofratura, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2007.