Ir o contido principal

Voces Ceibes resoaron de novo en Medicina

Algún dos membros de Voces Ceibes diante da placa en homenaxe aos represaliados universitarios
Algún dos membros de Voces Ceibes diante da placa en homenaxe aos represaliados universitarios

Voces Ceibes, cualificada como ‘a banda sonora da loita antifranquista en Galicia’, resoou de novo este xoves na Facultade de Medicina. A actuación de Xavier del Valle, Vicente Araguas, Miro Casabella e Bibiano tivo lugar no transcurso dunha homenaxe que a USC lles tributou e á que acudiron compañeiros e amigos desta formación que ateigaron de novo, corenta anos despois, o paraninfo da facultade.
A maioría dos integrantes do grupo asistiron a esta homenaxe, na que descubriron unha placa con debuxos de Acisclo Manzano, no mesmo Salón de Actos do centro, en conmemoración do 40 aniversario dos seus primeiros concertos, o primeiro o 26 de abril de 1968 e o seguinte xa o día 1 de decembro no Capitol.
Neste emotivo acto aproveitouse ademais para descubrir outra placa dedicada aos membros da comunidade universitaria represaliados no curso 1967/1968 e a todos os que loitaron pola liberdade durante a ditadura franquista.
Voces Ceibes xurdiu nas aulas da institución docente compostelá nuns momentos de tensa conflitividade e que se estenderon ao longo do curso 1967-1968. Algúns dos integrantes deste colectivo son hoxe membros do profesorado da USC como Guillermo Rojo ou Jaime Barreiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2008.