Un novo volume da colección ‘Termos esenciais’ recolle máis de 1.000 entradas sobre dereito administrativo
O repertorio terminográfico Termos esenciais de Dereito Administrativo recolle 1.081 entradas deste campo en galego e os seus equivalentes en castelán e engade un novo volume á colección ‘Termos esenciais’. A obra presentouse este martes 13 na Facultade de Dereito coa presenza da secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da profesora Alba Nogueira; e do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL), Manuel Núñez Singala. Este novo título que, como é habitual ademais da súa edición en papel pode consultarse en formato pdf no web do SNL e a través de bUSCatermos, reúne o traballo das/os docentes de Dereito Administrativo da USC Teresa Carballeira Rivera, Andrea Garrido Juncal, Alba Nogueira López , Fernando Adolfo de Abel Vilela, Luís Miguez Macho, e do técnico do SNL Xusto A. Rodríguez Río e contou co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Quinto volume da colección ‘ Termos esenciais’, súmase aos xa editados especificamente ao ámbito do Dereito e que suporán un apoio para estudos/as e docentes de Dereito Constitucional, Penal, Internacional e Civil. A publicación destes volumes forma parte das actuacións desenvoltas polo Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de ofrecer ao profesorado e ao alumnado da USC as ferramentas necesarias para o uso do galego en todas as áreas de coñecemento. Actualmente un equipo interdisciplinar composto por docentes da Facultade de Dereito e do SNL traballan conxuntamente para ofrecer un novo volume de ‘Termos esenciais’ correspondente a outro campo da xurisprudencia.