Ir o contido principal

Volve o Talent's Loop á USC co seu simulador dun proceso de selección de persoal

Un momento do circuíto de adestramento do Talent's Loop de 2015
Un momento do circuíto de adestramento do Talent's Loop de 2015
Nun circuíto de cinco pasos o alumnado vivirá un proceso selectivo real

Tras o éxito acadado o curso pasado, o Mes de Emprego que organiza a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais en colaboración coa Cátedra Bancaja Novos Emprendedores da USC acolle de novo o Talent's Loop, unha iniciativa que trata de mellorar as habilidades do alumnado para incorporarse ao mercado laboral. Terá lugar do 2 ao 4 de marzo nas instalacións da propia Facultade e a asistencia é aberta e de balde para todo o alumnado da Universidade de Santiago de Compostela previa inscrición.

O programa, que incorpora varias conferencias e uns obradoiros de emprendemento, repite a iniciativa máis aplaudida na súa primeira edición: un laboratorio no que se simulará un proceso de selección de persoal real. Deste xeito, as persoas participantes poderán pór en práctica os coñecementos adquiridos e solucionar as dúbidas que lle poidan xurdir.

Este simulador estrutúrase en cinco pasos nos que cada participante recibirá feedback personalizado por expertas e expertos para mellorar as súas posibilidades de pasar con éxito un proceso selectivo. Comezarase coa fotógrafa Ana Ortega, que os retratará para conseguir unha imaxe axeitada aos seus propósitos, para logo elaborar un bo currículo vitae e asistir a unha entrevista de traballo. O circuíto remata cunha sesión de mellora do discurso público e cunha dinámica de grupo.

Formación e emprendemento
Ademais deste adestramento persoal están previstas unas charlas cos especialistas Iñaki Quenerapú, Marisol Vázquez, María Botana e Verónica Ramallal sobre habilidades sociais, comunicación asertiva e a importancia da marca persoal.

No que se refire ao emprendemento, o Talent's Loop contempla obradoiros sobre xeración de ideas apostando pola innovación e a súa concreción na elaboración do plan de empresa. A metodoloxía destes dous obradoiros está enfocada a promover a participación activa do alumnado, aportando ferramentas que se aplican no mundo real.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2016.