Volven as xornadas de iniciación á escalada e para perder o medo á bici
A Área de Deportes da USC organiza un curso intensivo de Natación para o mes de xullo e volve con outra edición das xornadas de Iniciación á Escalada e Perder o Medo á Bici. O prazo para anotarse xa está aberto. Non obstante, as persoas non vinculadas á Universidade de Santiago terán que esperar ata o vindeiro 12 de maio para matricularse nas sesións de natación.
Os cursos de escalada e bicicleta celebraranse os días 14, 15 e 16 de maio pero as clases do primeiro terán lugar de 10:30 a 12:30 horas no Estadio de Atletismo do Campus Sur de Santiago, mentres que as de bicicleta serán de 16:00 a 18:00 horas no Campo de Hoquei Herba. Para participar, esíxelle ás persoas interesadas roupa cómoda e calzado axeitado. A idade mínima é de 18 anos.
Os interesados poden acadar máis información na Oficina da Área de Deportes (Piscina Universitaria. Campus Sur), a través do correo electrónico deporsec [at] usc.es (deporsec[at]usc[dot]es) ou nas extensións telefónicas 15070, 15071, 15072, 15073 e 15076.