Ir o contido principal

Walking the Talk for Dementia, unha experiencia inmersiva que combina camiñada e intercambio científico arredor da demencia

A viaxe comezou este luns 25 e remata este xoves 28 de agosto logo dunha camiñada de catro días que cobre 40 quilómetros
A viaxe comezou este luns 25 e remata este xoves 28 de agosto logo dunha camiñada de catro días que cobre 40 quilómetros
A USC participa neste evento no que interveñen un cento de persoas de 25 países
Santiago de Compostela

O evento internacional Walking the Talk for Dementia (WTD), que combina camiñada, intercambio científico e experiencias comunitarias, xa está en marcha coa participación da USC. Trátase dunha experiencia inmersiva que explora a demencia a través de diversas perspectivas. A viaxe comezou este luns 25 e remata este xoves 28 de agosto logo dunha camiñada de catro días que cobre 40 quilómetros. O cento de persoas participantes, de máis de 25 países, aproveitan para conectar entre elas, explorar temas relacionados cos seus desafíos na demencia e fomentar, deste xeito, diversas perspectivas para remodelar ideas e comportamentos, tanto profesional como persoalmente.

Logo da experiencia inmersiva, as persoas participantes, incluíndo persoas con demencia, persoas coidadoras, investigadoras, profesionais da saúde e artistas, reuniranse nun simposio, os días 29 e 30, para discutir proxectos, consolidar reflexións e fomentar solucións e colaboracións colectivas inspiradas en experiencias da vida real.

O evento conta coa axuda institucional da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e o apoio científico do Mestrado en Psicoxerontoloxía da Facultade de Psicoloxía da USC. Por parte da USC na organización interveñen David Facal Mayo e Alba Felpete López, do Instituto de Psicoloxía (IPsiUS), e contan coa colaboración de AGADEA. En concreto, Alba Felpete participará na mesa ‘Amenazas modernas: repensando o risco e as intervencións no mundo en cambio’, co relatorio ‘Co-creando solucións dixitais para a saúde cerebral’ na que falará do traballo no proxecto Poptep INNOV4LIFE -Ecossistema Transfronteiriço de Inovaçao Colaborative em Saúde Digital.

Ademais, por segundo ano, un grupo de persoas voluntarias coordinadas pola USC realizará tarefas de apoio no camiño e durante o simposio, e unha parte dos participantes aloxaranse na Residencia Burgo das Nacións.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.08.2025.