Ir o contido principal

A nova web de centros e departamentos da USC xa está operativa

O esforzo de adaptación da web no que respecta á estratexia comunicativa, contidos e imaxe tamén ten a súa correspondencia nos medios técnicos e na organización do servizo. FOTO: Santi Alvite
O esforzo de adaptación da web no que respecta á estratexia comunicativa, contidos e imaxe tamén ten a súa correspondencia nos medios técnicos e na organización do servizo. FOTO: Santi Alvite
A segunda fase do novo portal lanzado en 2019, culmínase coa renovación estética, funcional e operativa da web de cada centro e a creación dunha intranet coa que mellorar a comunicación interna, a xestión documental e os procedementos
Lugo, Santiago de Compostela

“Non se trata dun simple cambio estético senón de adaptar a estratexia comunicativa dixital e os seus contidos aos tempos e ás persoas”. Así define o reitor Antonio López a renovación dixital que a USC vive ao actualizar o seu xeito de relacionarse coa comunidade universitaria e coa contorna social a través da posta en marcha este luns da nova web de centros e departamentos. Da man desta renovación estética, funcional e operativa, acaba de crearse tamén unha intranet que contribuirá, entre outros obxectivos, a mellorar a comunicación interna, a xestión documental e de procedementos. Esta é a segunda fase que vive a USC no relativo á súa web institucional logo de que en decembro de 2019, se vise renovada a ‘web externa’ e na que os traballos se centraron na imaxe que os usuarios percibían nun primeiro nivel.

“A nova web é a web de toda a USC”, sinalou Antonio López. E é así porque os traballos de análise, recollida de información, interpretación e reestruturación foron e son feitos da man con todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria presente e tamén a futura. Deste xeito, durante meses, leváronse a cabo grupos de discusión con representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, estudantado propio, estudantado de ensinanzas medias, pais e nais así coma orientadores de institutos, ou empresas, cun único obxectivo: todas e todos deben recoñecerse no novo portal web.

A renovación tecnolóxica

O esforzo de adaptación da web no que respecta á estratexia comunicativa, contidos e imaxe tamén ten a súa correspondencia nos medios técnicos e na organización do servizo. Trátase dunha nova implementación que dá prioridade á consulta de información dende dispositivos móbiles, en consonancia coas demandas de usabilidade contrastadas nas discusións cos grupos de usuarios e usuarias.  A nova web está construída sobre unha base tecnolóxica completamente renovada, tanto no que respecta ao software que lle dá vida como á infraestrutura tecnolóxica que a sustenta.

O uso dun novo xestor de contidos baseado nun proxecto de software libre de ampla difusión entre o persoal técnico e empresas da contorna permite dende hai máis dun ano, abrir nova vías de colaboración e innovación e facilitar a cobertura de necesidades que na versión anterior da web eran difíciles de satisfacer. Asemade, a nova infraestrutura de servizo aproveita as vantaxes da nube e favorece a dispoñibilidade do sitio, con independencia do funcionamento das redes da USC.

A introdución dun novo sistema, a intranet, permite crear un novo ámbito de difusión da información que aproveite as vantaxes da nube empregando ferramentas familiares na xestión de contidos e totalmente integradas co uso de dispositivos móbiles.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2021.