Wenceslao González Manteiga e Manuel Febrero Bande, premiados pola Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA

Os profesores da USC Wenceslao González Manteiga e Manuel Febrero Bande foron recoñecidos este martes 15 no marco dos Premios de Estatística que outorga a Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) xunto coa Fundación BBVA. Concretamente, os catedráticos da USC foron galardoados na categoría de mellor contribución metodolóxica ao campo da Estatística no edición correspondente a 2020. Ademais, González Manteiga recibiu tamén a Medalla da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa.
Con periodicidade anual e de ámbito estatal, estes galardóns recoñecen a orixinalidade, a innovación e a contribución aos campos da Estatística e a Investigación Operativa co dobre obxectivo de incentivar o traballo de investigación neses dous campos e a súa proxección á sociedade. Os profesores da USC e membros do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) foron premiados na edición correspondente a 2020 polo seu traballo ‘Goodness-of-fit tests for the functional linear model based on randomly projected empirical processes’, publicado na revista The Annals of Statistics, o cal “ten importantes vantaxes computacionais que exceden aos doutras probas xa existentes”, indica a acta do xurado.
A través deste traballo, os investigadores desenvolveron un novo procedemento estatístico para analizar se determinados modelos preditivos son os máis adecuados para aplicar cos datos dispoñibles e así evitar conclusións erróneas. Este premio supón para o equipo a difusión do seu traballo e o recoñecemento dos seus compañeiros de profesión. “Nós cremos que fixemos unha boa investigación pero se ademais neste caso está avalada pola opinión de grandes expertos internacionais, pois é unha gran satisfacción”, explican os autores dunha investigación na que tamén toman parte Juan A. Cuesta Albertos e Eduardo García Portugués. O vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri acompañou os premiados no acto de entrega.