WorkerTutor amplía os seus servizos a Bélxica, Holanda e Irlanda
A ferramenta virtual WorkerTutor que naceu co obxectivo de favorecer a promoción e a inserción laboral dos emigrantes españois residentes en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza, amplía agora os seus servizos a Bélxica, Holanda e Irlanda. Este titor multimedia de xestión intelixente da comunicación foi ideado polo grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a IFFE Business School co financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. WorkerTutor ofrece aos seus usuarios todo tipo de asesoramento en materia laboral. Dende como comportarse de modo axeitado nunha entrevista de traballo no estranxeiro ata como redactar unha correcta carta de motivación ou mesmo un currículo de éxito. Ademais, dá acceso a todo tipo de información relativa ao marco xurídico e legal de cada un dos países que conforman o proxecto. As persoas interesadas en acceder aos servizos que oferta WorkerTutor deben rexistrarse previamente como usuarios na páxina web, cubrir un breve formulario e engadir o seu currículo. Un especialista en recursos humanos porase en contacto con elas para solucionar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento profesional.