Xa está aberto o prazo para solicitar praza na Escola Infantil Breogán para 2013-2014
O prazo de presentación de solicitudes de readmisión e novas admisións na Escola Infantil Breogán para o curso 2013/2014 permanecerá aberta ata as 14.00 horas do día 21 de maio. A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continúa convoca prazas para toda a comunidade universitaria no marco do compromiso institucional da USC coas accións de responsabilidade social e das políticas activas de conciliación da vida laboral coa persoal e familiar dos membros da comunidade universitaria. Xunto coa documentación requirida, todas as persoas poderán entregar a solicitude no Rexistro Xeral da USC (no Colexio de San Xerome) ou na Escola Infantil Breogán (neste caso en horario de 16.00 a 18.00 horas), onde tamén se poderán recoller os impresos de solicitude de praza, así como na web http://www.usc.es/gl/servizos/breogan. O número de prazas previsto será as máximas permitidas polas condicións do centro que estará aberta durante todo o ano en horario de 7:45 a 20.00 horas, agás o mes de agosto. As prazas adxudicaranse conforme criterios económicos (55% da valoración final) e conforme á situación sociofamiliar e laboral familiar. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.usc.es/gl/servizos/breogan/modules/news/news_0016.html.