Ir o contido principal

Xa en liña o manual práctico de termos de dereito mercantil en galego

A presentación do novo volume realizouse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC
A presentación do novo volume realizouse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Dereito presentou este venres o duodécimo volume da serie de termos esenciais en galego e sexto dedicado ao mundo do dereito. Logo dos termos esenciais de constitucional, penal, internacional, administrativo e civil chega agora o Termos esenciais de dereito mercantil que, como é habitual, ademais da súa edición en papel pode consultarse en formato pdf no web do SNL e a través de bUSCatermos, a base terminolóxica multilingüe da USC. O volume inclúe 1.218 conceptos consultables en galego e castelán, que aparecen agrupados nas grandes áreas estudadas dentro dos planos de estudos actuais como son estatuto do empresario, Rexistro Mercantil e deber de contabilidade, dereito de sociedades, competencia desleal e publicidade, dereito de defensa da competencia, medios e instrumentos de pagamento, contratos mercantís, dereito concursal e propiedade intelectual e industrial. O manual, unha acción do plan de normalización da Facultade ‘Témoslle lei’ para aumentar e mellorar o uso da lingua galega no centro, quere resolver as dúbidas terminolóxicas que poidan dificultar o uso do galego por parte de docentes e estudantes. É por isto que o centro puxo en marcha hai anos a publicación dunha colección de repertorios terminolóxicos de cada rama do dereito no nivel do grao. O próximo en saír, para o que xa se iniciaron os traballos, é o de Termos esenciais de dereito laboral e do traballo. Na presentación deste novo manual práctico participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o decano da facultade, Luis Míguez; a autora da obra, a profesora de dereito mercantil Miriam Martínez Pérez; e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2015.