Ir o contido principal

Xa se poden enviar imaxes ao IV Concurso Fotografía da Natureza

Aves expostas no Museo de Historia Natural da USC. FOTO: Santi Alvite
Aves expostas no Museo de Historia Natural da USC. FOTO: Santi Alvite
As aves son o tema que protagoniza este ano o certame da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC convocou o seu IV Concurso Fotografía da Natureza, que nesta ocasión ten como tema das imaxes as aves. O certame está aberto a persoas afeccionadas e profesionais sen límite de idade e as imaxes deben ser orixinais e propiedade das persoas participantes. As fotografías presentaranse en formato dixital cunha resolución mínima de 150 ppp con 2000 px no lado máis longo; está permitido o revelado da imaxe pero non se admitirán fotomontaxes.

As imaxes deben reflectir as situacións naturais evitando sufrimento, perturbacións ou interferencias no comportamento dos seres vivos. Non está permitido por tanto extraer exemplares do seu hábitat e trasladalos de lugar para tomar imaxes noutro sitio. Cada participante poderá presentar un máximo de  dúas obras orixinais, inéditas e non premiadas noutros concursos. As fotografías entregaranse dentro das datas indicadas cun arquivo PDF adicional con: título e lema, nome e apelidos da persoa autora, enderezo, teléfono, e-mail e ademais, o documento de cesión de dereitos de imaxe e protección de datos debidamente cumprimentado. Os arquivos informáticos enviaranse por e-mail a comunicacion.museohistorianatural [at] usc.es (comunicacion[dot]museohistorianatural[at]usc[dot]es)  indicando o lema no texto da mensaxe e poderán presentarse ata o 25 de maio de 2024 ás 23:59 horas.

O Xurado adxudicará un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros entre as fotografías participantes. Calquera dos premios poderá quedar deserto se o xurado estima que as obras non reúnen a suficiente calidade. A decisión do Xurado darase a coñecer no mes de xuño na web da asociación. A entrega dos premios farase o día 5 de xuño (Día Mundial do Medio Ambiente) no acto de inauguración da exposición das fotografías seleccionadas. O Xurado fará unha selección entre as obras presentadas, que se expoñerán no Museo de Historia Natural da USC.

Cartel do concurso
Cartel do concurso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2024.