Xa se poden solicitar as axudas á creación e aos proxectos de agrupacións teatrais e de danza universitarias
A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC abriu o prazo para a presentación de solicitudes de axudas á creación e aos proxectos das agrupacións teatrais e de danza dadas de alta no Rexistro de Compañías da Área de Cultura da Universidade. A convocatoria ten, entre outros obxectivos, estimular e potenciar a actividade artística no seo da comunidade universitaria e poden presentarse a ela distintas propostas escénicas: estrear pezas literarias, creacións colectivas, performances, accións ou espectáculos híbridos, por exemplo.
Os proxectos teatrais e de danza susceptibles de axuda nesta convocatoria deberán ser estreados e os gastos xustificados antes do 15 de outubro de 2024, independentemente de que as súas representacións continúen máis alá desta data, e non se concederán axudas a conceptos que foran subsidiados en convocatorias anteriores.
As solicitudes presentaranse a través do Rexistro da sede electrónica da USC, dirixidas á Vicerreitoría de Estudantes e Cultura co asunto “Convocatoria de Axudas á Creación e aos Proxectos de Agrupacións Teatrais e de Danza”. O idioma das representacións será o galego, excepto que se xustifique o uso doutro idioma, e valórase positivamente que a dirección do traballo sexa dun membro da comunidade universitaria, así como que a totalidade da compañía pertenza á USC (estudantado, PAS, PDI).