Xa na rúa a obra gañadora do II Premio Biblos-Pazos de Galicia escrita por un estudante de Xornalismo
Un suceso que podería aparecer un día calquera nun xornal é o tema principal da novela coa que Alberto Manuel Ramos Ríos, estudante do segundo curso de Xornalismo na USC, gañou o II Premio Biblos-Pazos de Galicia. A obra, que xa está á venda, foi galardoada o pasado mes de decembro por abordar dende a ficción un tema tan traxicamente actual a través dun narrador omnisciente en terceira persoa que nos describe a desaparición dunha moza e a dor da súa familia.
Ademais dunha escultura de Luís Loureira, unha segunda versión de “A peneira dos soños” e un ordenador portátil, Alberto Ramos, de vinte anos, recibiu a súa novela Dor pantasma publicada na colección Mandaio e unha edición especial da mesma en castelán.