Xan Neira e López Izquierdo abren na Casa do Saber un simposio sobre compost, agroecoloxía e cambio climático
A deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xan Neira Seijo inauguraron este martes na Casa do Saber do campus de Lugo o seminario estival Compost, agroecoloxía e cambio climático, unha actividade formativa e de carácter divulgativo que se inclúe no marco do III Simposio de Compostaxe, e que conta con preto dunha trintena de persoas inscritas.
Este simposio, no que intervirán como relatores profesores universitarios e profesionais do sector privado, pretende a promoción do uso do compost de materia orgánica como método de xestión de residuos agrarios e orgánicos e da agricultura ecolóxica para reducir os efectos do cambio climático, segundo adiantou o director do programa, Xan Neira Seijo, que tamén salientou a relevancia dos beneficios do compost e das prácticas agroecolóxicas cara un maior desenvolvemento rural. A deputada Sonsoles López Izquierdo afondou nesta mesma idea, ao tempo que animou aos presentes a iniciarse en prácticas sostibles, como a de facer compost, para contribuír así unha mellor conservación do medio natural. Este cometido é, se cabe, máis importante nunha provincia como Lugo, que conta con tres Reservas da Biosfera, uns recoñecementos europeos que veñen a corroborar o equilibrio medioambiental que se percibe neste territorio. O mestre compostador e consultor en tratamentos biolóxicos de residuos Ramón Plana González-Sierra explicou no relatorio de apertura deste seminario algúns aspectos xerais do proceso de compostaxe de residuos orgánicos, ao tempo que informou sobre a diversa funcionalidade deste recurso. A continuación, o catedrático de Edafoloxía da USC Francisco Díaz-Fierros ofreceu outra charla sobre o manexo ecolóxico dos solos e a súa incidencia no cambio climático. As persoas inscritas neste simposio tamén tiveron hoxe a oportunidade de participar nunha visita guiada ao Museo do Templo de Mitra, un importante xacemento romano achado no solar da Casa do Saber e que se vén de inaugurar e abrir ao público. Xa en quenda de tarde, a comitiva que participa neste simposio fixo unha visita pola Reserva da Biosfera Terras do Miño. Xornada de clausura A mitigación/adaptación ao cambio climático e a ecoloxía da PAC será este mércores o eixo temático do primeiro relatorio da xornada de clausura deste curso, na que o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xoán Neira Seijo tamén aportará a súa visión sobre se a biomasa forestal natural e os residuos gandeiros son unha solución ou un problema.
O curso ‘Compost, agroecoloxía e cambio climático’, dirixido por Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias, concluirá con dous relatorios sobre o compoñente verde e as medidas de regulación climática na PAC e sobre o Partenariado Europeo de Innovación (EPI) Produtividade e sustentabilidade agraria. Asemade, xa en quenda de tarde, o programa do III Simposio de Compostaxe inclúe a celebración dun taller de produción agroecolóxica e compost no complexo ecoagroturismo Arqueixal, no concello de Palas de Rei.
De esquerda a dereita, Xan Neira Seijo, Sonsoles López Izquierdo e Ramón Plana, na apertura do seminario