Ir o contido principal

Xan Neira Seijo, elixido vicepresidente primeiro da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE)

Xan Neira
Xan Neira
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior coordina un simposio internacional de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural que se...

O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Xan X. Neira Seijo vén de ser elixido vicepresidente primeiro da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica/Sociedade Española de Agroecoloxía (SEAE) na asemblea xeral da sociedade celebrada a comezos de outubro, no marco co congreso bienal desenvolvido en Vitoria, e na que tamén se reelixiu como presidenta a María Dolores Raigón, Catedrática de Escola Universitaria do área de Edafoloxía e Química Agrícola e profesora na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica e do Medio Natural de Valencia (UPV).

A SEAE, fundada en 1991, conta na actualidade con preto de 900 asociados: empresas, profesores, investigadores, técnicos, consumidores, todos vinculados ao sector da produción ecolóxica. Neira Seijo ten sido vogal da xunta directiva da sociedade durante os últimos oito anos e accede agora á vicepresidencia co obxectivo de seguir a traballar a prol da promoción da estratexia agroecolóxica como unha alternativa capaz de ofrecer respostas na actual situación de crise económica, social e ambiental no agro. Un dos instrumentos a tal fin e o fomento, coordinación e facilitación do ensino, o asesoramento e a difusión de tódolos aspectos relacionados coa Agricultura Ecolóxica, a Agroecoloxía e o desenvolvemento rural sustentable. Neira Seijo confía asemade en que o período de dous anos, para o que foi elixida a nova xunta directiva da SEAE, sexa tempo suficiente para poñer os alicerces de futuras actividades de formación e para fortalecer os seus vínculos con outras entidades e institucións do tecido socieconómico e educativo, ademais de co propio sector produtivo. Neira lembra asemade que no pasado congreso, a representante da FAO Nadia Scialabba presentou os preliminares dun estudo no que se indica que por cada euro producido na agricultura convencional, son precisos dous euros máis, un deles para descontaminar e outro para saúde. Asegura Scialabba, engade o profesor da EPS, que a agricultura ecolóxica podería producir suficientes alimentos para unha poboación de 9,2 billóns de persoas en 2050. Todo un reto ao que, desde logo, desde o sector, sinala Neira, imos ollar de fronte. O desenvolvemento da cooperación internacional, destinada a fomentar os fins sinalados, é outro dos obxectivos da SEAE, que tamén mantén colaboracións activas con outras organizacións locais tanto no ámbito da Unión Europea como nos países de Iberoamérica. Simposio internacional O novo vicepresidente da SEAE adiantou asemade a próxima celebración no campus de Lugo dun simposio internacional sobre Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural: experiencias de valor e estratexias de apoio ao autoemprego e a transición agroecolóxica, que se desenvolverá os días 12 e 13 de decembro de 2014 no campus de Lugo. Este evento pretende servir de espazo de encontro entre as experiencias, iniciativas e proxectos municipais máis notables e consolidados de transición agroecolóxica en diferentes comunidades autónomas de España e Portugal, ademais de ofrecer propostas para os novos mandatos locais e programas de desenvolvemento rural que se iniciarán en 2015. O simposio internacional simposio internacional sobre Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural: experiencias de valor e estratexias de apoio ao autoemprego e a transición agroecolóxica está organizado pola USC, a través da EPS, Ibader e o grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC, Rede Terrae, SOGA e SEAE en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2014.