Nova xeira da revista Gallaecia, que homenaxea a Isaac Díaz Pardo no seu último número
O Departamento de Historia I da USC imprimiu unha serie de cambios á revista de Arqueoloxía e Antigüidade Gallaecia que no seu último número, o 28, lle dedica unha especial homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Quérese así agradecer o patrocinio ininterrompido de Ediciós do Castro, personalizado na figura do intelectual galeguista, da publicación que naceu en 1975 por iniciativa do profesor Vázquez Varela.
O novo número presentouse este mércores na Facultade de Xeografía e Historia nun acto ao que asistiron o propio Isaac Díaz pardo, o director da revista, Ramón Fábregas, e a directora do Departamento de Historia I, Raquel Casal.
Agora, máis de tres décadas despois, Gallaecia afronta un novo formato e un consello de redacción e comité científico máis amplos para dar continuidade a un proxecto que o converte nunha das revistas de arqueoloxía e das ciencias da antigüidade con máis anos de España, ademais das máis regulares con 27 números en 33 anos.
Gallaecia ten pois contribuído, afirman os seus responsables, a “preservar e coñecer a herdanza milenaria” que é obxecto de traballo de arqueólogos, antropólogos e historiadores da antigüidade.