Os xenes e a evolución do cerebro do ser humano, tema dunha conferencia aberta do profesor Carlos Acuña na Academia galega de Medicina
O catedrático da Universidade de Santiago Carlos Acuña Castroviejo pronuncia este xoves 21 ás 19.30 horas na Real Academia de Medicina de Galicia (C/ Durán Loriga 10, 2ª planta, A Coruña) a conferencia ‘Xenes, e a evolución do cerebro do home’. Os estudos da orixe e evolución dos xenes son unha oportunidade para coñecer cómo os cambios no ADN deron lugar ás características cognitivas que definen ao ser humano. No relatorio, aberto a calquera persoa interesada, o profesor Acuña falará da importancia de coñecer algúns dos mecanismos moleculares e celulares que relacionan a evolución dos xenes coa evolución do cerebro.
“Aínda que os avances foron lentos, nestes momentos xa coñecemos algúns e así poderemos enfrontarnos mellor ao estudo e tratamento das enfermidades que nestes momentos afectan máis as nosas capacidades cognitivas, como o Parkinson ou o Alzheimer”, asegura, para augurar que nos próximos anos “asistiremos a novos e importantes avances” que permitirán coñecer mellor a función do cerebro e cómo tratar as súas alteracións.