Ir o contido principal

Os xenetistas españois reúnense en Santiago no seu vixésimo quinto congreso anual

O presidente da Xunta de Galicia inaugura este mércores en Fonseca o XXV Congreso Nacional de Xenética Humana

A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica é a encargada este ano de organizar o conclave anual, que xa vai polo vixésimo quinto, da Asociación Española de Xenética Humana. Será en Santiago desde este mércores 17 ata o venres 19, cos profesores Fernando Domínguez e Ángel Carracedo como organizadores.
O XXV Congreso Nacional de Xenética Humana desenvolverase enteiramente no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, aínda que a sesión inaugural que terá lugar este mércores 17 celebrarase ás 20:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca baixo a presidencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó.
Asisten ademais a este acto a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación, María José Alonso; o director xeral técnico do Patronato sobre Discapacidad, Ignacio Robles; o decano de Medicina, José María Fraga, e o presidente da Asociación Española de Xenética Humana, Feliciano Ramos.
Logo da inauguración e seminarios previos que terán lugar este mércores, o congreso dará comezo o xoves 18, ás 8:30 horas, coa conferencia ‘As múltiples formas do xenoma: na encrucillada da adaptación do organismo’, que pronunciará Xavier Estivill, do Centro de Regulación Xenómica (CRG) de Barcelona.
Ao longo dos tres días do encontro os máis de trescentos xenetistas asistentes profundarán en cuestións diversas como a xordeira, a xenética do cancro, o diagnóstico prenatal e preimplantacional ou a xenética clínica. A conferencia de clausura, na tarde do venres, correrá a cargo do catedrático de Lingüística Indoeuropea de Salamanca, Francisco Villar Liébana titulada ‘Xenes e Linguas’.
Farmacoxenética e FarmacoxenómicaInmediatamente despois deste congreso, a Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica celebrará tamén a súa xornada anual, na que os asistentes porán de manifesto como a xenética se vai expandindo a outros campos e como a interacción das súas distintas ramas é esencial para a mellora da Medicina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2009.