Xeografía e Historia acolleu a fase nacional da oitava Olimpíada de Xeografía
A Facultade de Xeografía e Historia da USC foi unha das dúas sedes, xunto coa Cidade da Cultura, da fase nacional da oitava Olimpíada de Xeografía, competición que organizou a delegación galega do Colexio de Xeógrafos en colaboración co Departamento de Xeografía da USC. O seu obxectivo é difundir entre o alumnado de Bacharelato o interese por unha disciplina que analiza de maneira global as interrelacións entre o territorio e a sociedade que vive nel. Participaron 48 alumnos/as, 3 por cada delegación territorial do Colexio de Xeógrafos. As comunidades autónomas que contaron con representación nestas Olimpíadas foron Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illas Baleares, Madrid, Navarra e a rexión de Murcia. O acto central da Olimpíada consistiu nunha proba de cen preguntas relativas ao programa de contidos do temario de 2º de Bacharelato.
O Colexio de Xeógrafos constituíuse no ano 2001 co obxectivo de regular e ordenar a profesión de xeógrafo. Neste sentido, “a Universidade cumpre unha valiosa tarefa formativa e científica, e a titulación en Xeografía e Ordenación do Territorio é imprescindible para dar sentido á profesión de xeógrafo e responder á demanda social destes profesionais” aclara a organización colexial.
En Galicia, a USC oferta o grao en Xeografía e Ordenación do Territorio, destinado a formar expertos coñecedores da problemática do territorio galego, capaces de interpretar as diversidades e as complexidades dos territorios, así como as interaccións entre o medio natural e a sociedade. Ademais a súa formación permítelles afrontar a xestión do territorio grazas ao carácter aplicado e experimental da formación xeográfica.
O Departamento de Xeografía da USC tamén é responsable do Máster en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial no que se desenvolve sobre todo a compoñente aplicada da disciplina xeográfica e ciencias afíns con especial atención a aspectos relacionados coa súa empregabilidade. O seus promotores explican que este posgrao foi aumentando nos últimos anos o seu número de alumnos e captando estudantes doutras disciplinas como a arquitectura, enxeñería, outras ciencias sociais, ciencias ambientais ou dereito administrativo.