Xeografía e Historia conmemora o vixésimo aniversario do Prestige cunha mostra, mesas redondas e unha actuación musical
A Facultade de Xeografía e Historia da USC conmemora dende estes xoves 16 o vixésimo aniversario do Prestige a través dunha mostra que contén paneis explicativos, así como unha selección de carteis, publicacións e vídeos relativos a esta catástrofe. Dúas mesas redondas e unha actuación musical do grupo De Vacas que terá lugar o 23 de febreiro, ás 18.30 horas, no Paraninfo, completan este programa de actividades co que os profesores da USC e organizadores, Miguel Anxo Rodríguez e María Gil, queren “abordar dende diferentes puntos de vista (educación ambiental, arte, ou antropoloxía, entre outros) o que aconteceu”, explican. A iniciativa pretende poñer o foco “na resposta da sociedade galega e o estado no que nos atopamos na actualidade ante a dependencia de enerxías fósiles e as ameazas que se derivan da súa circulación”.
Este xoves 16, desenvólvese a primeira das mesas redondas coa intervención de Uxía Senlle, música e vocalista que foi portavoz da plataforma Nunca Máis; Pablo A. Meira, profesor de Educación Ambiental e Sustentabilidade na USC; Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora de Antropoloxía Social da institución compostelá; Pepe Galán, artista plástico que pertenceu a Burla Negra e Nunca Máis; así como Xoan Ramón Doldán, profesor de Economía Aplicada da USC. A sesión comeza ás 18.30, na aula magna do centro, baixo o lema ‘As dimensións da traxedia’.
Esta primeira mesa abordará as dimensións múltiples do acontecido: a mobilización social, a conciencia medioambiental, as formas de articulación da protesta e a creatividade colectiva. “Teremos representantes do mundo das artes que estiveron implicados na plataforma Nunca Máis, e investigadores dos ámbitos da antropoloxía, economía e educación medioambiental”, explican os organizadores.
Ás 18.40 horas do día 23, terá lugar a mesa redonda ‘Legados, memoria e arquivos’ que contará coa participación de Rosa Aneiros Díaz, escritora que formou parte de Burla Negra; Daniel López Abel e María Bella, investigadores e pertencentes á Asociación Unha Gran Burla Negra; e Xosé Lois Vázquez, 'Che', fotógrafo e editor. “Na segunda mesa, abordaremos temas relativos á memoria do acontecido e o rexistro da produción cultural. A protesta acadou unhas dimensións extraordinarias e tivo unha vertente estética que merece ser estudada”, afirman.
A exposición ‘20 anos do Prestige unha aproximación multidisciplinar’ que acompaña o resto de actividades poderá visitarse ata o vindeiro 20 de marzo no primeiro andar da Facultade.