Ir o contido principal

Xeografía e Historia constituíu o seu comité consultivo

Xeografía e Historia constituíu o seu comité consultivo
Xeografía e Historia constituíu o seu comité consultivo
Confórmano persoas ou entidades do sector para aconsellar a dirección do centro sobre cuestións que afectan á Facultade

A Facultade de Xeografía e Historia constituíu este venres o seu Comité Consultivo, de acordo co Sistema de Garantía Interna de Calidade do centro, constituído por grupos de interese externos á facultade. O seu cometido será aconsellar o equipo de dirección e servir de foro interno para contrastar opinións e información sobre as actividades profesionais, de negocio ou de interese social que afecten a actividade formativa da Facultade e faciliten o seu desenvolvemento futuro e a súa proxección social.

Nesta sesión constitutiva participaron, ademais do decano da Facultade, Juan Monterroso, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; o director do museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o xeógrafo e socio creador da empresa Tysgal José Taboada Failde.

En concreto, o comité ten o cometido de debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento da actividade docente e investigadora dos centros, prestar apoio na elaboración e implantación do plan estratéxico do centro e aconsellar para que o centro poida proxectarse máis intensamente na súa contorna.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2016.