Xeografía e Historia reflexiona sobre a idea de Galicia que forneceu Manuel Murguía
A idea de Galicia concibida polo historiador, político e escritor Manuel Murguía é o eixo sobre o que se asenta a segunda das xornadas organizadas pola Real Academia Galega (RAG), coa colaboración da USC, con motivo do centenario do seu pasamento e que botan a andar este xoves 9, ás 17.00 horas, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. De feito, este é mesmo edificio no que o Murguía estudou o bacharelato e onde traballou como xefe de terceiro grao do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e anticuarios entre os anos 1892 e 1893. A entrada é libre e a sesión poderá seguirse tamén en liña. O acto inaugural está presidido polo reitor da USC, Antonio López, e conta coa participación do presidente da RAG, Víctor Freixanes, e de María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización.
A elección de Compostela como escenario dende o que afondar no pensamento de Murguía débese a que esta foi a cidade na que pasou gran parte da infancia, os primeiros anos da mocidade e onde volvería vivir en distintos momentos da vida adulta. Santiago puido ser posiblemente tamén o lugar onde, no verán de 1854, no Liceo de la Juventud, coñeceu a Rosalía de Castro, coa que casaría anos despois.
Programa
O programa consiste nunha mesa redonda moderada por María José López Couso e conta coas contribucións do politólogo Ramón Máiz e dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares. O profesor Máiz centra a súa intervención no celtismo como paradigma na obra murguiniana; Justo Beramendi aborda a súa actividade pública na prensa e na política e Ramón Villares, director da Sección de Historia da RAG e coorganizador das xornadas, pon o foco en Murguía e na súa obra como historiador. O encontro remata coa actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC que integran Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola.
As Xornadas Manuel Murguía concluirán o xoves 16 de febreiro na Fundación Rosalía cunha mesa redonda sobre literatura e nación con Ana Acuña, Xurxo Martínez e María Xesús Lama. O programa organizado pola Real Academia Galega conta co apoio económico da Xunta de Galicia e coa colaboración da USC, Fundación Rosalía, a Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña, que acolleu a primeira sesión o pasado 2 de febreiro, día do centenario do pasamento do intelectual galeguista.