Ir o contido principal

Xermanistas de vinte universidades españolas e cinco países europeos asisten na USC a un congreso

A fraseoloxía contrastiva do alemán-español/galego, obxecto de estudo de FRASESPAL 2011

Nos últimos vinte anos o estudo das colocacións, locucións idiomáticas e fórmulas rutineiras tanto do alemán como do español/galego experimentaron por separado un singular auxe dentro do panorama europeo de investigacións lingüísticas, o que desembocou na creación de revistas especializadas de fraseoloxía como Yearbook of Phraseology, Paremia ou Cadernos de Fraseoloxía Galega así como na celebración de numerosos simposios no marco da Sociedade Europea de Fraseoloxía (EUROPHRAS). Con todo, os pares de linguas alemán-español/galego non foron ata a data obxecto de estudo pormenorizado e sistemático, nin se lles dedicou un espazo monográfico mediante un congreso. De aí que o equipo de investigación FRASESPAL, que aglutina oito universidades e está dirixido por Carmen Mellado desde a USC, organice a Internationale Tagung zur kontrastiven Phraseologie, un congreso que reunirá en Santiago os días 24 e 25 de novembro a xermanistas de vinte universidades españolas e de distintas universidades de Alemaña, Austria, Portugal, Rusia e Suíza. Preténdese así contribuír a salvar esa deficiencia e consolidar unha liña de estudo necesaria para o desenvolvemento integral da lingüística contrastiva das mencionadas linguas. O encontro inaugurarase ás 9.30 horas no Centro Sociocultural de Caixanovagalicia nun acto que contará coa presenza do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Victor Millet Schröder; o decano de Filoloxía, Ernesto González; o secretario do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Jorge Sacido; e a profesora Carmen Mellado. As persoas encargadas de pronunciar os relatorios plenarios, recoñecidos fraseólogos europeos, autores e autoras de dicionarios idiomáticos e especialistas en fraseoloxía contrastiva, son os catedráticos Dmtrij Dobrovol'skij, da Universidade Estatal de Moscova, Academia Rusa das Ciencias, e Hans Schemann, da Universidade do Minho (Portugal); e a catedrática Aina Torrent-Lenzen, da Universidade de Colonia e de Viena.

Ademais, no congreso exporanse os resultados das diversas investigacións contrastivas entre o alemán e o español/galego nas subdisciplinas de fraseoloxía cognitiva, fraseografía, fraseoloxía xurídica, fraseoloxía computacional, fórmulas rutineiras e fraseopragmática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2011.