O XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos comeza este mércores na Escola Politécnica Superior de Lugo
O XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos, que amosará en Lugo os resultados de máis de douscentos cincuenta traballos de expertos, comezará este mércores, día 26, e se desenvolverá ao longo dos seguintes tres días na Escola Politécnica Superior do Campus.
Ao acto de inauguración, que terá lugar ás 9:30 horas no Salón de Actos do centro lugués, asistirán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez López; a concelleira de Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez González; o presidente de Asociación Española de Ingeniería de Proyectos (AEIPRO), Eliseo Gómez-Senent Martínez; e o presidente do Comité Organizador, Manuel Fco. Marey Pérez.
A continuación a subdelegada xeral de coordinación do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica,María Luisa Delgado Medina, intervirá co relatorio de apertura que neste caso estará dedicado ao ‘Novo Plan Nacional de Investigación Científica e desenvolvemento tecnolóxico’.
A partir das 12:15 horas o traballo dividirase en catro salas diferentes, na de plenarios celebrarase unha mesa redonda sobre a enxeñaría do produto e do deseño mentres que as outras tres quedan reservadas para comunicacións orais. Deste xeito, na Sala 1 falarase da construción e do urbanismo, na Sala 2 disertarase sobre as tecnoloxías da información e as comunicacións e na Sala 3 exporanse os traballos en materia de procesos industriais e organizativos.
Na quenda de tarde continua o traballo do mesmo xeito organizativo e así mentres que na Sala de plenarios se debaterá sobre a construción e o urbanismo, na Sala 1 presentaranse as conclusións dos expertos sobre enxeñaría do produto. Á mesma hora nas Salas 2 e 3 amosaranse os resultados das investigacións sobre tecnoloxías da información e procesos industriais organizativos, respectivamente.
Os últimos relatorios do día darán comezo ás 18:30 horas e estarán dedicadas á enxeñaría do produto nas Salas 1 e 2, e á construción na Sala 3. Neste caso o debate da sala de plenarios titúlase: ‘Claves de futuro para a organización industrial’.
Como remate a esta primeira xornada do congreso, os asistentes visitarán o centro da cidade de Lugo onde serán recibidos polo alcalde.