Ir o contido principal

O XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC comeza o luns no Teatro Principal

A danza universitaria chega o luns 15 a Compostela coa posta en escena do XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC. Participarán un total de sete compañías: a TeatrUBI da Universidade da Beira Interior de Portugal; a Aula de Danza da Universidade de Barcelona; a Aula de Danza NORMAL da Universidade da Coruña; D-ou-tras, do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; as compañías de danza de Lugo e Santiago; e a compañía independente da USC Zur 2 Danza-USC. Ao programa de actuacións, que se desenvolverá o luns 15 e o martes 16 no Teatro Principal ás 21.00 horas, engádense unha performance de danzaterapia o primeiro día do encontro, a partir das 13.00 horas na Igrexa da Universidade, na que os participantes amosarán o resultado final do curso realizado este mesmo ano arredor da danzaterapia e musicoterapia. O encontro inclúe tamén o martes 16, ás 13.00 horas no carril da Facultade de Dereito, o programa de ‘Pezas Curtas’ no que as compañías dan a coñecer en formato breve –­­en intervencións de cinco minutos– as súas producións coreográficas. Como xa sucedera en edicións anteriores, o Encontro concíbese tamén como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. O primeiro día será a quenda para as actuacións dos espazos de danza do Campus de Lugo, do da Universidade de Vigo, a Aula de Danza da Autónoma de Barcelona e o do Campus de Compostela. O martes 16 intervirán a compañía independente Zur 2 Danza-USC, TeatrUBI da Universidade da Beira Interior, a aula NORMAL da Coruña e a danzaUSCompostela. En ambos os dous días, a entrada será libre previo paso pola billeteira (aberta en horario de 18.00 a 21.00 horas).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2013.