Ir o contido principal

O XII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC entregará este martes os seus premios

A convocatoria contempla un total de cinco premios que se repartirán 14.000 euros

O XII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC entregará este martes 28 os seus premios nun acto no que intervirán o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; e o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande. A entrega comezará ás 12.00 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Nesta quenda a convocatoria variou a estrutura dos seus galardóns, articulada agora en tres categorías, dous premios de Base Tecnolóxica, outros dous de Empresa Xove e un terceiro de Muller Emprendedora. Na primeira modalidade outorgaranse dous premios, o primeiro dotado con 5.000 euros e ata outros 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo e o segundo con 3.000 euros. En Empresa Xove, igualmente se estableceron outros dous galardóns, de 2.500 e 1.500 euros respectivamente. Para completar o conxunto, novamente se valorará o esforzo da Muller Emprendedora, cun premio en metálico de 2.000 euros para aquelas propostas nas que a maior parte do capital social da empresa sexa para unha ou varias mulleres. O xurado encargado de avaliar as 34 propostas presentadas a concurso valoraron a súa viabilidade, o grao de innovación dos produtos ou servizos ofrecidos, o volume de emprego proxectado, o seu carácter multidisciplinar ou a súa atención ás políticas de igualdade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2012.