Ir o contido principal

O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral trae a Santiago o Dentibus

O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral trae a Santiago o Dentibus
O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral trae a Santiago o Dentibus
A poboación que o desexe poderá realizar unha exploración gratuíta e percibirá asesoramento durante os días do congreso

O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) acollerá en Santiago de Compostela a visita do Dentibus, co que se pretende concienciar a poboación da necesidade das revisións preventivas que serven para detectar precozmente enfermidades como o cancro oral ou lesións precancerosas aínda cando non presentan síntomas visibles. Os detalles desta iniciativa e do congreso presentáronos en rolda de prensa o presidente da SEMO e organizador do congreso, José Luis Gándara; o presidente do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña, José María Suárez Quintanilla; e o director de Comunicación e Relacións Externas de Galicia de El Corte Inglés, José Manuel Blanco. O Congreso Segundo afirmou o profesor Gándara, presidente da SEMO, o cancro oral é silencioso, non ten clínica e por iso é de vital importancia unha diagnose precoz, que axudará a evitar que as lesións dexeneren, e previr unha mala calidade de vida a corto e medio prazo. Precisamente unha das temáticas que centrarán as mesas do congreso serán as primeiras manifestacións de enfermidades sistémicas que poden aparecer en forma de aftas ou pénfigo na cavidade oral. A importancia dos bifosfonatos e as súas complicacións así como da diagnose precoz do cancro centrarán as mesas da XII edición do congreso que a SEMO celebrará do 16 ao 18 de maio en Santiago de Compostela. O cancro oral sitúase nunha porcentaxe do 3-4% en proporción aos cancros do trato dixestivo. A patoloxía das glándulas salivares será outro dos temas clave desta edición porque permite detectar enfermidades sistémicas e propias das glándulas. Xa son aproximadamente 300 as persoas inscritas no congreso, contando cunha porcentaxe elevada de alumnado de posgrao e pregrao procedente de toda España e, fundamentalmente, de México e Chile. Os cursos pre-congreso sobre clínica radiolóxica e patoloxía ósea e mucosa relacionada cos implantes, que terán lugar respectivamente o día 15 e 16 de maio, xa contan cun aforo de 125 asistentes. O Dentibus Na unidade móbil realizaranse exploracións bucodentais gratuítas a todos os que o desexen e ofrecerase asesoramento sobre as distintas propostas terapéuticas para solucionar as patoloxías que puideran ter. Esta iniciativa está patrocinada polo Consello Xeral de Dentistas e o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña e coa colaboración da Fundación Dental Española, o Corte Inglés e a Sociedade Española da Medicina Oral. O Dentibus, que percorre dende hai moitos anos toda España, permanecerá os días do congreso en horario de mañá e tarde a carón da Facultade de Medicina e Odontoloxía. O martes anterior estará no Corte Inglés da Coruña e o mércores 15 no de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2013.