Ir o contido principal

A XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia subirá o pano en Compostela a vindeira semana

A XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia subirá o pano en Compostela a vindeira semana
A XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia subirá o pano en Compostela a vindeira semana

O teatro universitario galego presentará as súas últimas producións ao público compostelán do 23 de maio ao 1 de xuño, dentro da programación da XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Son un total de 14 representacións levadas a escena polas aulas de Teatro das tres universidades galegas así como por compañías xurdidas no seo das comunidades universitarias, tres delas creadas este mesmo ano en Compostela. A programación e os detalles da mostra presentáronas este mércores 18 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; o responsable da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro; e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. O vicerreitor Javier Garbayo inicou a sesión cunha lembranza para a estudante Gloria García Martínez, en cuxa memoria se gardou un minuto de silencio. O inicio da Mostra de Teatro de Universitario de Galicia, xunto co recentemente celebrado Festival Internacional de Teatro Universitarios, conforman dúas citas ineludibles en Compostela coa produción teatral. Javier Garbayo agradeceu ademais a implicación do Centro Dramático Galego, do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña no desenvolvemento da presenta edición da mostra, o que representa un importante esforzo que vén coincidir co vinte aniversario da Aula de Teatro da USC. Como a mellor celebración posible deste aniversario, así cualificou Roberto Salgueiro o inicio da XII Mostra, iniciativa teatral na que se pon de manifesto a tradición teatral no seo da comunidade universitaria da USC. De feito, e segundo explicou Salgueiro, no programa presentado se inclúen un total de once compañías xurdidas na institución docente compostelá, tres delas creadas este mesmo ano. A entrada ás representacións será de balde, previa retirada das entradas nos despachos de billetes, que abrirán coa suficiente antelación. O responsable da Aula de Teatro da USC prevé que este ano se manteña a tendencia crecente en canto ao número de espectadores que asistirán ás representacións. Roberto Salgueiro destacou que na anterior edición acudiron ao festival máis de 2.300 espectadores. Programa As representación comezarán o vindeiro luns 23 ás 19:30 horas no Teatro Principal coa obra ‘ Leve, a nada entre as mans’, da Aula de Teatro da Universidade de Vigo. Ese mesmo día a partir das 21:30 horas no Salón Teatro, Diagonal Teatro (USC) representa ‘Xente interesante enTerranova’. O martes 24, ás 19:30 horas no Treatro Principal, antigos alumnos da Aula de Teatro en coprodución con diversas compañías da USC representan ‘Caricias’, de Sergi Belbel. Ás 21:30 horas, no Salón Teatro, será a quenda da Aula de Teatro da universidade compostelá coa ‘Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz’. ARTías (USC) levará á escena ‘Oito mulleres’ de R. Thomas, o mércores 25 no Salón Teatro ás 21:30 horas. Tomaralle o relevo ENLATA Teatro (USC) que subirá ás táboas ‘Ubú’, de Alfred Jarry, o xoves 26 ás 21:30. A esa mesma hora, ao día seguinte, Os Sigillatos Galaicos (USC) escenifica ‘ Feeling good’ de Blanca Tejero e Paula Fernández. Na fin de semana, a mostra terá como protagonistas ao Teatro do Aramio (USC), con ‘ Divertimento’ o sábado 28, e a Teatro da Falúa (USC) que leva á escena o domingo 29 ‘A onda’. En ambos os dous casos a cita será no Salón Teatro ás 21:30 horas. A Aula de Teatro da Universidade da Coruña mostrará a súa proposta o luns 30 no Teatro Principal a partir das 19:30 horas coa representación de ‘Nunca durmo’, a partir de textos de Pessoa. Ese mesmo día, pero ás 21:30 horas no Salón Teatro, Mequetrefes Teatro (USC) levantará o pano con ‘Do día que meus pais me plantaron nunha maceta’.

Pinchacarneiro (USC) con ‘ Comedia do gurgullo’ e NNC (USC) con ‘Esperando a Godot’ serán as propostas do martes 31, o primeiro no Teatro Principal ás 19:30 e o segundo no Salón Teatro ás 21:30 horas. A mostra rematará o mércores 1 de xuño da man de Tolemia (USC) con ‘Versión 2.0’, obra de creación colectiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2011.