A XIII edición do ciclo Novos Intérpretes achégase ao final con dous novos concertos este luns e martes
O Paraninfo da Universidade (sito na Facultade de Xeografía e Historia) acolle este luns 21 e o martes 22 dous novos concertos dentro do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza. As actuacións, que comezan ás 20:30 horas e son de balde, forman parte da décimo terceira edición do ciclo, que ten por obxecto achegar á musica ao público mozo á vez que os novos talentos adquiren experiencia no escenario. Na xornada do luns terá lugar o décimo concerto do ciclo, que estará dividido en dúas partes. Na primeira, Alexandra López Arca, violinista compostelá de 18 anos, acompañada ao piano por Simona Kantcheva interpretará obras para violín de Bach, Mozart, Vladigerov e Wieniawski. Na segunda, un dúo de contrabaixos, integrado por María García e Antonio Romero, en colaboración co pianista Gabriel López, interpretarán un programa que serve de mostra para ilustrar o seu amplo repertorio, que recolle dende obras de Giovanni Bottesini a Frank Proto. Pola súa banda, o martes 22, a sesión comezará coa participación do tubista Nicolás Portas Ricoy e a pianista Leticia Folgar Ferreiro. Xuntos interpretarán o concerto para tuba do compositor inglés Ralph Vaughan e senllas obras do norteamericano John Harmon e do bávaro Franz Strauss. Na segunda parte, a rianxeira María Varela, acompañada da pianista xaponesa Haruna Tabeke interpretarán un programa formado pola Sonata para clarinete e pianao de Poulenc e a composición Homenaxe a Manuel de Falla de Béla Kóvacs. A XIII edición do Ciclo Novos Intérpretes rematará o vindeiro martes 28 de marzo, despois de acoller as actuacións de 35 novos músicos galegos nun total de doce concertos.