Ir o contido principal

O XIV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica reunirá na Facultade de Medicina a 200 profesionais da especialidade

A Facultade de Medicina converterase o 13 de abril en punto de encontro para os 200 pediatras que asistirán ao XIV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica, organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia, que dirixe o catedrático e director do Departamento de Pediatría da USC Manuel Pombo Arias. A inauguración terá lugar ás 9:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina baixo a presidencia do decano do centro, José María Fraga Bermúdez.
O curso desenvolverase arredor de catro mesas redondas nas que se analizarán diferentes temas relacionados coas áreas máis actuais dentro da especialidade como son a diagnose precoz do hipotiroidismo conxénito e o seu seguimento, os trastornos derivados da presentación dun desenvolvemento puberal adiantado ou retrasado ou a valoración da talla baixa e como se poden afrontar actualmente estas situacións nas que aínda non se detectou a alteración que as condiciona.
A última cuestión a tratar será a do retraso de crecemento intrauterino, unha entidade na que se engloban aqueles nenos que nacen pequenos en relación ao tempo de embarazo e dos cales un 10% aproximadamente van quedar cunha talla comprometida ao alcanzar na vida adulta, talla que queda por baixo dos límites admitidos como normais e que hoxe pode evitarse recorrendo ao tratamento con hormona de crecemento, unha indicación aprobada aínda recentemente.
A conferencia de clausura deste encontro correrá a cargo do profesor Raúl Calzada, xefe do Servizo de Endocrinoloxía do Instituto Nacional de Pediatría de México e presidente da Sociedade Mexicana de Endocrinoloxía Pediátrica, que falará sobre ‘Diabete mellitus: o seu manexo durante a puberdade’. Outros conferenciantes convidados son o doutor López-Canti, de Sevilla; o profesor Cañete, de Córdoba; o doutor Mayayo, de Zaragoza; e o profesor Rivas Crespo, de Oviedo; xunto con numerosos relatores galegos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2007.