O XIV Foro dos Recursos Mariños estuda as oportunidades dos cultivos emerxentes

O XIV Foro de Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas que se desenvolve no Hotel Hesperia da Illa da Toxa reúne estes días a especialistas na materia que están a estudar as oportunidades de cultivos emerxentes que se sumarían aos tradicionais de mexillóns, troita, robaliza, dourada e rodaballo. Na primeira xornada do encontro representantes da empresa Futuna Blue España presentaron os avances do criadeiro de xuvenís de atún vermello, con base en Andalucía, que podería producir anualmente ata 12 millóns de larvas e un millón de alevíns. No período de proba das instalacións esta compañía criou alevíns de rodaballo e seriola nun sistema de cultivo en terra con recirculación de auga e agardan conseguir en 2013 os primeiros desoves de atún vermello a escala comercial en España. Pola súa banda, o investigador da Universidade da Coruña Javier Cremades afirmou na súa charla que a acuicultura multitrófica -“que está nun momento histórico”, dixo- debe ir ligada ao desenvolvemento de cultivos de algas mariñas e a súa posterior revalorización económica, ademais dun uso máis racional e sustentable dos recursos. Sobre innovación falou Javier Ojeda, xerente da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños de España, que indicou que o impacto negativo sobre a competitividade da industria acuícola diminuíu a capacidade de innovación do sector. Non obstante Rodrigo Burgos, representante de Kreathion Investment, asegurou que “sempre foi difícil investir en acuicultura en Europa”, aínda que existe unha alta demanda por abastecer na UE. O importante, aclarou, é “identificar se queremos unha acuicultura xenérica, de baixo custe, ou unha gourmet, con produtos de calidade e cun maior prezo”. Ao seu xuízo esta última debería ser a opción para os produtores europeos. Con respecto ás oportunidades das certificacións de pegada de carbono e a súa aplicación na acuicultura en especies como o mexillón e o rodaballo, o investigador da USC Ian Vásquez Rowe sostén que Galicia non a debe deixar de lado. “Trátase dunha tendencia que está aumentando en países europeos onde os consumidores esixen coñecer a carga ambiental dun produto en relación ás súas materias primas, a produción, a distribución e ventas, o consumo e a disposición real do produto”.