Ir o contido principal

O XIV Premio Cristóbal de la Puerta distingue un estudo realizado por un grupo de investigadores da Facultade de Veterinaria

Cristina Castillo, segunda pola esquerda, co diploma acreidativo do XIV Premio Cristóbal de la Puerta
Cristina Castillo, segunda pola esquerda, co diploma acreidativo do XIV Premio Cristóbal de la Puerta
Cristina Castillo, docente e investigadora do grupo Metabolismo e Patoloxía Animal da USC recolleu en Madrid o galardón outorgado pola Editorial Agrícola Española

O XIV Premio Cristóbal de la Puerta para o desenvolvemento do sector gandeiro, un galardón nacional creado en 2001 por Editorial Agrícola Española co obxectivo de difundir traballos prácticos de interese sobre un tema concreto de gandería e que nesta última convocatoria premiaba investigacións, desenvolvementos e innovacións que influíran na mellora obxectiva do sector gandeiro español durante 2014, distingue un traballo realizado por membros do grupo de investigación Metabolismo e patoloxía animal da USC baixo a coordinación da profesora Cristina Castillo Rodríguez e que se desenvolve baixo o título ‘Emprego de arribazóns de Posidonia oceánica na alimentación de ruminantes. Primeiros datos acerca da composición e resposta produtiva en pequenos ruminantes do SE español’.

Os premios nacionais Cristóbal de la Puerta son un referente nacional, a través dos que Editorial Agrícola Española recoñece o desenvolvemento da agricultura e gandería española. Desde a súa Escritura de constitución de 1928, Editorial Agrícola Española SA ten como misión difundir e propagar coñecemento e progreso agrícola e cooperar no desenvolvemento e perfeccionamento dos proxectos, traballos, melloras, experiencias, investigacións... que tendan ao engrandecemento de agricultura e das industrias relacionadas. O traballo premiado, realizado no Departamento de Patoloxía Animal USC, en colaboración co Instituto de Gandería de Montaña (CSIC) emprazado, en León e co Departamento de Medicina Animal e Cirurxía na Universidade de Murcia, aborda a busca de novas fontes alimentarias de gando caprino, predominante no SE español, empregando un residuo común nas praias, tales como son os bancais de Posidonia oceánica, unha planta abundante no Mediterráneo. Respecto desta hipótese de partida, os investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo propuxeron substituír a fonte forraxeira tradicional empregada nas racións de ruminantes da zona por restos de Posidonia oceánica que chegan á costa e son eliminados na tempada de verán (de abril a setembro ). Esta proposta encádrase no escenario da necesidade de resolver un problema existente no Levante español e que constitúe un grave conflito entre o enfoque ambiental (conservación dos prados mariños de Posidonia oceánica propios do Mediterráneo e a sobre explotación de terras polo pastoreo) e o turismo (os bancais de Posidonia que chegan ás costas son molestos para os bañistas, feito polo que son retirados, eliminados e incinerados, unhas tarefas que representan un custo económico importante para os municipios afectados). Os datos obtidos neste estudo apoian a visión de que estes residuos poden ser empregados como fonte forraxeira en pequenos ruminantes, sen que isto vaia en prexuízo para o peso do animal nin da calidade do seu leite, sinala Cristina Castillo, quen recolleu este mércores en Madrid un novo recoñecemento que reforza o liderado da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC no desenvolvemento do sector agrícola español. Os resultados do citado traballo terán un impacto científico e técnico, pero tamén no eido social e económico. Daquela, de entrada a investigación no ámbito dos pequenos ruminantes inclúese dentro das grandes estratexias agrícolas españolas e europeas, nas que se busca producións seguras, máis eficientes e respectuosas co medio ambiente. Asemade, as novas estratexias para o Mediterráneo, ademais das accións coñecidas (ERANET-MED ou INCO MIRA), o novo programa PRIMA (Asociacións en Investigación e Innovación na zona do Mediterráneo) ten entre os seus obxectivos a produción sustentábel de pequenos ruminantes no Mediterráneo. Esta nova dimensión permite atopar un marco privilexiado para a participación e colaboración internacional, ao tratarse dunha área na que se poden replicar os resultados deste proxecto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2014.