Ir o contido principal

O XIX Maratón Fotográfico arrinca este mércores na Casa do Saber coa presentación dos temas e a entrega de material

Cartaz anunciador do XIX Maratón Fotográfico do campus
Cartaz anunciador do XIX Maratón Fotográfico do campus
As persoas que participen no certame deberán entregar os seus respectivos traballos na Área de Cultura do campus de Lugo antes das 14.00 horas do xoves 10 de outubro

O XIX Maratón Fotográfico do Campus comezará este mércores, a partir das 10.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, coa presentación dos temas propostos polo xurado e a entrega de material ás persoas participantes neste certame, que deberán entregar o material seleccionado para o concurso antes das 14.00 horas do xoves 10 de outubro nas oficinas da Área de Cultura do campus lugués.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, dará a benvida aos participantes no XIX Maratón Fotográfico do campus no salón de actos da Casa do Saber, no transcurso dun acto no que tamén estarán presentes o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo,Mario Outeiro; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, e o coordinador do Espazo Fotografía do campus e membro do grupo Fonmiñá, Eduardo Ochoa, ademais de responsables da oficina de Cultura do campus. No marco desta recepción de participantes, as persoas inscritas nesta edición do certame recibirán un carrete fotográfico, no caso de decantarse pola modalidade de fotografía analóxica, ou un CD, para gardar as imaxes obtidas con cámara dixital, ademais de coñecer os temas propostos polo xurado e cos que teñen que estar relacionados as fotografías presentadas a concurso. Os/as participantes poderán concorrer cunha imaxe por cada un dos tres temas nos que se estrutura o certame. O XIX Maratón Fotográfico do Campus repartirá 1.150 euros en metálico e trofeos para os autores das fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar a nova edición deste consolidado certame, organizado pola Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, a Deputación e o Concello de Lugo. Premios e diplomas Os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de catro premios, que contan cunha dotación conxunta de 1.150 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía de cada uno dos temas do concurso será agasallado/ con 250 euros en metálico, trofeo e diploma. Asemade, do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 400 euros, ademais de diploma e trofeo, distinguirá a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas do concurso. Todas aquelas persoa que non resulten premiadas no certame tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XIX Maratón Fotográfico do Campus, unha cita que o pasado ano rexistrou 64 inscritos/as, dos/as que 52 presentaron as súas respectivas propostas fotográficas. Ao remate do certame e logo de que o xurado determine os traballos galardoados, os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus farán unha escolma das imaxes presentadas, premiadas e non premiadas, a fin de que estean representados todos os participantes, que logo pasarán a formar parte dunha exposición e coas que se editará o correspondente catálogo. A entrega de premios realizarase no acto de inauguración da exposición dos traballos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2013.