O XIX Maratón Fotográfico do Campus premiará con 1.150 euros en metálico e trofeos aos autores das imaxes galardoadas

O XIX Maratón Fotográfico do Campus repartirá 1.150 euros en metálico e trofeos para os autores das fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar a nova edición deste consolidado certame, organizado pola Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, a Deputación e o Concello de Lugo.
A décimo novena edición deste certame fotográfico, aberto á participación de todas as persoas interesadas, pertencentes ou non á comunidade universitaria, terá lugar o vindeiro 9 de outubro, a partir das 10.00 horas, segundo avanzou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, na presentación do XIX Maratón Fotográfico do campus. Neste acto tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro, e o fotógrafo Eduardo Ochoa, en representación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. As persoas que desexen participar nesta convocatoria artística arredor da fotografía aberta a fotógrafos e afeccionados, poderán apuntarse desde mañá, xoves 19 de setembro, ata o vindeiro 2 de outubro. A inscrición é de balde e pode realizarse nas dependencias da Área de Cultura do campus de Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus, ou a través do número de teléfono 982.82.15.13, en horario de 9.00 a 14.00 horas. A actividade fotográfica propiamente dita desenvolverase o 9 de outubro. Os participantes coñecerán ás 10.00 horas os temas sobre os que deben versar as fotografías, un material cuxos autores deberán entregar aos organizadores do certame antes das 14.00 horas do día seguinte, 10 de outubro. O XIX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo mantén tamén nesta convocatoria dúas modalidades de participación: fotografía dixital e analóxica. Os participantes, que deben elixir unha modalidade no momento da súa inscrición, teñen que presentar unha fotografía por cada un dos tres temas propostos para o concurso. Premios e diplomas Os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de catro premios, que contan cunha dotación conxunta de 1.150 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía de cada uno dos temas do concurso será agasallado/ con 250 euros en metálico, trofeo e diploma. Asemade, do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 400 euros, ademais de diploma e trofeo, distinguirá a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas do concurso. Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XIX Maratón Fotográfico do Campus, unha cita que o pasado ano rexistrou 64 inscritos/as, dos/as que 52 presentaron as súas respectivas propostas fotográficas.
Ao remate do certame e logo de que o xurado determine os traballos galardoados, os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus farán unha escolma das imaxes presentadas a concurso, premiadas e non premiadas, a fin de que estean representados todos os participantes, que logo pasarán a formar parte dunha exposición e coas que se editará o correspondente catálogo. A entrega de premios realizarase no acto de inauguración da exposición dos traballos.