Ir o contido principal

Unha xornada aborda en Matemáticas o Software Libre Científico

Imaxe de arquivo de alumnado na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de alumnado na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
O foro que chega á súa quinta edición quere ser punto de encontro para especialistas e espazo de intercambio de experiencias para aquelas persoas interesadas en atopar colaboracións co resto da comunidade
Santiago de Compostela

A quinta Xornada de Software Libre Científico conforma este luns 10 un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións co resto da comunidade, no eido do software libre. Organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e patrocinada pola AMTEGA, a Facultade de Matemáticas da USC acolle esta sesión que busca promocionar e difundir o coñecemento do Software libre científico e, desta volta, céntrase nos datos abertos.

No acto inaugural participaron Mª Elena Vázquez Cendón, decana do centro; Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLISA e Mª José Ginzo Villamayor, integrante do comité organizador e o comité científico. O programa contempla nove relatorios ao longo da mañá, coas intervencións de Elena Díaz del Río,  da Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia;  Mª Dolores Rico Ramos, do Instituto Nacional de Estadística;  Rafael Ávila Coya, Consultor SIG;  Vicente Feijoo Ares, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega; Conchi Méndez García, da Biblioteca Xeral da USC; Rosa Mª Crujeiras Casais, profesora da USC e directora científica do CITMAga; María Martín Vila, do Instituto Galego de Estatística; Marcos Tesouro Montecelo, de MeteoGalicia:  e Alberto Permuy Leal, de Codery. 

Canda a profesora María José Ginzo, integrante do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC e membro de MeLISA, conforman o comité organizador outros tres integrantes da asociación: Jorge Lama Varela, Rafael Rodríguez Gayoso e Miguel Ángel Rodríguez Muíños.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2023.