Ir o contido principal

Unha xornada aborda a violencia de xénero dende as perspectivas médico-legal, xurídica, asistencial e policial

Persoal experto e axentes directamente implicados na problemática da violencia de xénero abordarán esta cuestión dende as perspectivas médico-legal, xurídica, asistencial e policial nunha xornada a celebrar este xoves 29 en Santiago. A inauguración oficial, a celebrar no Colexio de Avogados de Santiago, comezará ás 10.00 horas. O fiscal delegado de violencia sobre a muller da Fiscalía Provincial da Coruña, Fernando Martínez, abrirá a quenda de intervencións xunto cun representantes da Unidade Orgánica da Policia Xudicial falando sobre a actuación do Ministerio Fiscal e dos corpos de seguridade perante casos de violencia de xénero. Na segunda mesa da mañá, a partir das 12.15 horas, abordaranse os recursos sociais para a atención ás vítimas da violencia de xénero, con especial atención a profesionais de traballo social nos centros de saúde e nos centros de orientación familiar. Intervirán as traballadoras sociais Isabel Fernández, do Centro de Saúde de Noia, e Patricia Costas, do Centro de Orientación Familiar de Pontevedra. A sesión da tarde comezará ás 17.00 horas prestando atención á asistencia dende atención primaria e as probas médico-forenses en casos de violencia de xénero. Este será o tema que aborden o médico Rosendo Bugarín e a médica forense da subdirección territorial do Imelga, Marta Medrano. Para completar a xornada as avogadas Fátima Rodríguez e Patricia López Arnoso avaliarán a situación actual, coordinación e cooperación dos diversos axentes implicados na orientación e asistencia letrada ás vítimas da violencia de xénero. O encontro está organizado conxuntamente polo Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC, o Instituto de Criminoloxía e o Colexio de Avogados de Santiago. Conta co financiamento do Fondo Social Europeo e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2011.