A xornada sobre as augas subterráneas organizada polo grupo español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos comezaron na ETSE
O grupo español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH-GE) celebra na USC ata o vindeiro venres 9 unha xornada na que se analizará as augas subterráneas en España ante as directivas europeas. O encontro inaugurouse este mércores na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago nun acto ao que asistiron o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez; o subdirector da ETSE, Alberto Bugarín; o presidente da AIH-GE, Jorge Molinero; e o director xeral de Augas de Galicia, José L. Romero Valeiras.
En 2000 publicouse no Diario Oficial das Comunidades Europeas a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE que establece un marco común para a protección das augas. Esta directiva diríxese fundamentalmente á protección dos ecosistemas e do medio acuático, a promover un uso sostible da auga e a reducir a súa contaminación, todo isto coa finalidade de alcanzar un “bo estado das augas” nun prazo de quince anos. Xa en 2006 aprobouse a nova Directiva 2006/118/CE relativa á Protección das Augas Subterráneas contra a Contaminación e o Deterioro, que complementa e desenvolve en maior detalle a anterior no referente ás subterráneas.
A Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH) reúne a máis de 3.700 afiliados de 135 países. Os socios españois, un total de 370, formaron o Grupo Español da AIH que trata de promover os encontros de científicos, técnicos e xestores da auga co obxecto de avanzar no coñecemento dos problemas e na busca de solucións aos problemas relacionados co ciclo hídrico entendido no seu conxunto e coa auga subterránea en particular.
A xornadaAs xornadas, organizadas coa colaboración de membros do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e de Augas de Galicia, comezaron logo da inauguración coa análise dos obxectivos, contido e alcance das directivas europeas, para continuar pola tarde co debate acerca do estado actual de implementación das directivas.
A sesión prevista para o xoves 8 comezará cunha quenda de relatorios nos que prestará atención aos programas de medidas para a implementación das directivas e á protección e control da auga subterránea, con especial atención á contaminación e ao impacto ambiental. Xa pola tarde, as intervencións centraranse nos aspectos xurídicos e custes da auga dende o punto de vista da participación pública. Finalmente, o venres 9, abordaranse novos enfoques na planificación e xestión da auga subterránea.
Nestas sesións participan como relatores profesores universitarios e expertos da Comisión Europea, do Ministerio de Medio Ambiente, da Fundación Nueva Cultura del Agua da Universidade de Zaragoza, do Instituto Geológico y Minero de España e da Confederación Hidrográfica del Ebro.