Unha xornada no CEA adiantará claves para procurar financiamento para empresas tecnolóxicas
A Universidade de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, unha xornada para coñecer e debater desde diferentes ópticas todos os pasos que unha persoa emprendedora ten que dar para optimizar a procura de financiamento privado para o seu proxecto empresarial. O encontro terá lugar o 22 de setembro no Centro de Estudos Avanzados. A traxectoria do Programa de Creación de Empresas da USC serviu de base e aprendizaxe para coñecer as dificultades ás que se enfrontan os emprendedores en cada unha das fases de creación, posta en marcha e consolidación do seu proxecto. Persoas expertas e investidores orientarán e acompañarán na xornada aos emprendedores no proceso de procura de financiamento privado, á vez que se abordarán novas formas de crear empresas con criterios socialmente responsables e se debaterá sobre o liderado feminino a través da experiencia de mulleres que tiveron un papel indispensable no desenvolvemento das organizacións que lideran. Co obxectivo de atraer e pechar con éxito os procesos de negociación con investidores, os participantes na xornada poderán interactuar con expertos de recoñecido prestixio nun ambiente distendido, que facilitará o intercambio de experiencias e impresións.