Nova xornada de conferencias 'II Lecturas para a Historia da Arte. Arte e Patrimonio na Provincia da Coruña'
No marco das xornadas das ‘II Lecturas para a Historia da Arte’ que abordan dende diferentes enfoques o patrimonio artístico coruñés, o catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos ofrecerá este mércores, día 25, ás 19:00 horas na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia, a conferencia ‘Santiago e o barroco. Historia dunha invención’. Seguidamente, a profesora Fátima Díez Platas continuará o ciclo ás 20:20 horas coa conferencia ‘Baixo a ‘bóveda mariña’; a vila romana de Cambre e a iconografía do mar’.
Na súa intervención, o catedrático Vigo Trasancos falará da arquitectura que se desenvolveu en Compostela entre 1670 y 1712. Con ela se pretende non só resaltar a tradicional lectura política pro-santiaguista que acostuma outorgarse a esta arquitectura senón afirmar que, coa complicidade dos arquitectos nacidos no país, os membros do clero compostelán máis culto e daquelas personaxes da sociedade civil que estaban máis achegadas ao pensamento xacobeo, tratouse de “inventar” unha arquitectura nova, propia, apoloxética e “intrinsecamente santiaguista” que procurou identificarse con formas vexetais exuberantes para transmitir deste xeito a idea de riqueza e plenitude.
Desta forma, como afirma o profesor da USC, Compostela se transforma nunha especie de metáfora “da Nova Xerusalén celestial e o Reino de Galicia nunha imaxe simbólica da Nova Terra Santa ou edénico xardín onde os seus habitantes viven colmados de bens, grazas á protección do Apóstolo Santiago, que así é visto como o gran intercesor ante Deus”.