Ir o contido principal

Xornada en Dereito sobre a dimensión laboral da reordenación de servizos públicos

Nos últimos tempos, algunhas Administracións Públicas están a volver atrás na súa tendencia á externalización. Este fenómeno, coñecido como reordenación de servizos públicos ou remunicipalización (atendendo ao ámbito local, onde se está a manifestar con especial intensidade), ten importantes consecuencias políticas e sociais, pero tamén xurídicas. Para analizalo, a Facultade de Dereito acolle este mércores 18, en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais, unha xornada técnica.

Dende o ámbito do Dereito Administrativo ao Dereito do Traballo, a continuidade ou terminación das relacións laborais das persoas implicadas está sometida a unha normativa “tan abundante” que están a xurdir “controversias xurídicas de gran calado” que se abordarán nesta xornada, explican os organizadores, o profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC José María Miranda Boto e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero.

A sesión pecharase cunha visión xeral dos problemas da regulación do emprego público derivados das sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de setembro de 2016, “cuxo encaixe no Dereito español aínda non está resolto”, matizan.

O panel de relatores inclúe á profesora de Dereito Administrativo da USC Diana Santiago Iglesias; María de Sande Pérez-Bedmar e Roberto Fernández Fernández, profesores de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade Autónoma de Madrid e na Universidade de León, respectivamente; e unha mesa redonda coa participación de representantes das organizacións sindicais e empresariais mais representativas de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2017.