Ir o contido principal

Unha xornada de divulgación científica reúne preto de 100 novos investigadores universitarios en Veterinaria

Carracedo, no centro, entre Bueno e dun dos organizadores da xornada, en Veterinaria
Carracedo, no centro, entre Bueno e dun dos organizadores da xornada, en Veterinaria
O relatorio ‘Pescando xenes’, a cargo de Ángel Carracedo, abriu o programa dun foro no que se presentaron 70 comunicacións e pósters sobre diversos eidos científicos

O catedrático da USC Ángel Carracedo, recoñecido entre outros méritos pola súa capacidade para divulgar a ciencia, abriu este venres na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC o programa de relatorios da xornada ‘Primeiros pasos na ciencia’, un foro promovido a iniciativa dun grupo de estudantes de doutoramento no Campus Terra da USC e no que participan preto dun centenar de investigadores de doutoramento nas tres universidades galegas.

A exposición de Carracedo, que se desenvolveu baixo o título ‘Pescando xenes’ e á que, ademais de estudantes e novos investigadores, tamén se sumaron varios docentes, deu pé a unha intensa xornada de traballo durante a que estudantes de doutoramento presentaron e expuxeron traballos e proxectos de investigación de “altísima calidade”, segundo subliñou Izaskun Ibarguren, vice decana da Facultade de Veterinaria de Lugo, na inauguración desta xornada. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, e o presidente do grupo de Divulgación Científica de Galicia e coordinador da xornada, Pedro A. Castrillo Arias, tamén participaron no acto de benvida ofrecido a todas as persoas inscritas para tomar parte neste foro de intercambio de coñecemento e promoción da ciencia.. Este evento, organizado coa pretensión de favorecer a creación dun foro acaído para que os investigadores noveis poidan presentar os avances das súas investigacións, contribúe ademais a crear novas redes de contacto que favorezan a posta en valor da colaboración científica interdisciplinar, segundo se puxo de manifesto na sesión inaugural. Daquela, en aras a avanzar na colaboración entre diferentes ámbitos ou especialidades científicas, o programa desta xornada inclúe a presentación de comunicacións orais e de pósters, cuxa temática abrangue desde liñas básicas de experimentación, ciencias experimentais, tecnoloxía, ciencias da saúde e mesmo cuestións propias das ciencias sociais e das Humanidades. O programa deste foro científico prolongarase en quenda de mañá e tarde e rematará cara as 19.00 horas, cun acto de clausura durante o que se procederá á entrega de premios aos autores/as das comunicacións orais e dos pósters que acaden unha valoración máis alta por parte dos congresistas presentes. Novos investigadores asitentes á xornada 'Primeiros pasos na ciencia'

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2016.