Xornada divulgativa na Facultade de Medicina sobre o radon en Galicia
Resolver todas as dúbidas sobre a presenza do gas radon en Galicia e os seus efectos sobre a saúde é a finalidade da xornada divulgativa que organiza o Laboratorio de Radon de Galicia o vindeiro venres 8 de novembro. A iniciativa desenvolverase ás 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina, e está xa habilitado un formulario no que deixar calquera dúbida sobre o radon para dar resposta nesa xornada, que financia o Consello Social da USC.
Será o persoal investigador de CRETUS do Laboratorio de Radon de Galicia quen ademais de atender todas as inquedanzas sobre este tema dará a coñecer os últimos avances que leva a cabo na súa investigación sobre a detección deste gas así como o Mapa de radon de Galicia. Concretamente, explicarase que é este gas e que riscos supón para a saúde e no posto de traballo e como se pode medir. A este respecto, entre as persoas asistentes sortearanse 20 detectores de radon para realizar a medición na casa.
O programa complétase coa proxección da curta ‘Teño niveis altos de radon na casa, agora que?’ no que participaron veciñas e veciños de Teo, Compostela e Salceda de Caselas.