Ir o contido principal

Unha xornada en Económicas dará a coñecer datos sobre o estado actual do emprendemento entre os universitarios

Unha xornada en Económicas dará a coñecer datos sobre o estado actual do emprendemento entre os universitarios
Unha xornada en Económicas dará a coñecer datos sobre o estado actual do emprendemento entre os universitarios

No marco da celebración dos 50 anos dos estudos de economía de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC organiza este venres 16 en colaboración con GEM Galicia unha xornada na que se analizará o estado actual do emprendemento entre os universitarios españois e, en particular, galegos. Na sesión abordarase ademais esta temática desde a perspectiva de xénero, dados os resultados do último informe do Global Entrepreneuship Monitor (GEM) realizado por un equipo de investigadores da USC.

A xornada inauguraraa ás 12.00 horas no salón de graos da facultade o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, acompañado do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos, e a decana do centro, Emilia Vázquez.

A sesión consiste nunha mesa redonda moderada pola profesora da USC e directora de GEM Galicia, Loreto Fernández, na que participarán especialistas que explicarán a realidade da cuestión no momento actual. Así, Maribel Guerrero dará a coñecer os resultados do Observatorio de Emprendemento Universitario en España CISE-CRUE-RedEmprendia, do que é autora; e a profesora da USC e directora técnica do Informe GEM Galicia, Isabel Neira, fará unha análise da evolución nos últimos anos en Galicia.

O emprendemento universitario desde unha perspectiva de xénero será o tema a tratar na mesma sesión pola técnica de transferencia de coñecemento no Programa Woman Emprende da USC Eva López e a promotora da empresa Situm, Cristina Gamallo.

Tendencia ao emprendemento Segundo datos do Observatorio de Emprendemento Universitario CRUE-CISE-RedEmprendia no que participou o equipo GEM da USC e que se explicarán este venres en detalle, un terzo dos universitarios españois que cursan últimos cursos manifesta a intención de emprender en poucos anos. Os resultados do Informe GEM-Galicia 2016 corroboran esta tendencia maior a emprender entre a comunidade universitaria fronte á poboación xeral en Galicia (37% fronte a 13% entre 25-44 anos).

O proxecto GEM O Global Entrepreneuship Monitor (GEM) é un observatorio internacional para analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico. En España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).

Galicia sumouse a esta iniciativa en 2005 cun equipo configurado na actualidade pola USC, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Asociación de Novos Empresarios (FEGAXE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2018.