Unha xornada da EDIUS analiza a relación entre ciencia aberta e humanidades dixitais
A Facultade de Filoloxía acollerá a mediados de mes o curso ‘Ciencia Aberta e humanidades dixitais’, unha actividade de formación coa que conectar o alumnado da Escola de Doutoramento Internacional da USC co estado das humanidades dixitais e, dun xeito máis amplo, co estado da produción científica en acceso aberto. O alumnado interesado que desexe asistir poderá formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 7 de novembro a través da súa secretaría virtual.
A xornada combina achegas sobre ferramentas para a xeración de contidos en acceso aberto, unha panorámica sobre o estado da ciencia aberta por parte da xefa da Unidade de Acceso Aberto, Repositorios e Revistas da FECyT e a presentación do Portal da Cultura Impresa en Lingua Galega impulsado dende o Instituto da Lingua Galega por Pablo García Martínez, coordinador da xornada. En total, ofertaranse 20 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para o resto das persoas interesadas no curso, a asistencia é libre, debendo unicamente cubrir o formulario de inscrición que se atopa na páxina da actividade, ata o 10 de novembro, se desexan obter o certificado de asistencia.