Ir o contido principal

A xornada ‘Habelas, hainas’ demostrará como as matemáticas están presentes en todos os ámbitos da vida

As persoas interesadas en asistir de xeito presencial deberán inscribirse de balde na Secretaría Virtual ata o 25 de novembro. FOTO: Santi Alvite
As persoas interesadas en asistir de xeito presencial deberán inscribirse de balde na Secretaría Virtual ata o 25 de novembro. FOTO: Santi Alvite
Esta sesión de divulgación científica desenvolverase o vindeiro 26 de novembro na Aula Magna da Facultade e poderá seguirse en liña a través de Teams
Santiago de Compostela

Habelas, hainas’ é unha xornada de carácter divulgativo da investigación matemática, destinada fundamentalmente a estudantes de grao ou máster. Esta iniciativa botará a andar o vindeiro xoves 26 de novembro, entre as 16.00 e as 19.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, co obxectivo de presentar de xeito amable a investigación que se está a facer no centro e demostrar que esta ciencia está presente actualmente en todos os ámbitos da vida. As intervencións poderanse seguir en liña a través de Teams.

As persoas interesadas en asistir de xeito presencial deberán inscribirse de balde na Secretaría Virtual ata o 25 de novembro xa que se ofertan un máximo de vinte prazas. As persoas asistentes terán dereito a un diploma acreditativo por tres horas. Tamén poderán ter dereito a diploma as persoas que se inscriban na Secretaría Virtual para asistir a través de Teams ata un máximo de 150 prazas. En todo caso, a través de Teams poderá seguir a xornada calquera persoa que o desexe.

Programa

Charlas de vinte minutos impartidas por seis investigadores e investigadoras mozas da Facultade, que intentarán presentar dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as Matemáticas, nutrirán o programa da xornada. “Esta iniciativa serve para normalizar o uso do galego nas matemáticas, deixando de lado prexuízos lingüísticos e prohibicións, neste mes de novembro, en que se celebra a Ciencia en Galego”, apuntan dende a organización. Esta é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e do Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2020.