A xornada ‘Móvete!!’ orientará ao alumnado na busca de prácticas internacionais e oportunidades de traballo e mobilidade
Representantes da USC, da Dirección Xeral de Xuventude, da Fundación Galicia Europa, da Escola de Tempo Libre Don Bosco, do Servizo Público de Emprego e das asociacións AIESEC e Erasmus Compostela participan este xoves 27 na Xornada ‘Móvete!!’ sobre programas de prácticas internacionais, recursos e oportunidades de traballo e mobilidade para a mocidade. Celebrarase entre as 9.30 e as 13.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e é gratuíta.
As xornada dará a coñecer os diferentes programas de prácticas e oportunidades de mobilidade laboral, voluntariado ou de participación da mocidade para que así poidan coñecer e adaptarse ás esixencias do mercado laboral a escala internacional. Quen se inscriba nas xornadas coñecerá as características, condicións e proceso de execución dos diferentes programas a fin de que poidan prepararse para poder cumprir requisitos, seguir axeitadamente os procedementos e mellorar as posibilidades de consecución de prazas no programa ao que queren optar. A participación no programa será tamén a oportunidade de coñecer recursos e ferramentas de busca de emprego na Unión Europea, como por exemplo Rede Eures e Europass.